18.1.07
Festival de Cans 2007: ábrese o prazo para a entrega de curtas
O Festival de Cans vén de abrir o prazo de admisión de curtas para a súa cuarta edición: Cans'2007.
Aquí vos van as bases, que podedes tamén consultar en www.festivaldecans.com. Para calquera dúbida ou consulta, escribide a festival[arroba]festivaldecans.com.
1.As curtametraxes que se presenten deben ser producións galegas dos anos 2005, 2006 ou 2007.
2.Admítense curtametraxes de ficción, de animación e documentais.
3.A duración non superará os 25 minutos.
4.As curtametraxes deben enviarse antes do 15 de marzo de 2007 á seguinte dirección:
Asociación Cultural Arela
Aptdo. de Correos 232
C.P. 36400 O Porriño (Pontevedra)
5.As curtametraxes enviaranse en DVD e acompañaranse dunha ficha técnica da curtametraxe e dúas imaxes dixitais en formato JPG: a) un fotograma; b) un cartel.
6.As curtametraxes seleccionadas serán exhibidas no IV Festival de Cans, que se desenvolverá en maio de 2007.
3.6.06
A crónica da terceira edición
Chega un pouco tarde, pero aí vai a crónica do III Festival de Cans:
Sube a temperatura na terceira edición do Festival de Cans
Na última fin de semana de maio transcorreu a terceira edición do Festival de Cans de curtametraxes. Durante tres días, a pequena aldea de Cans, no Porriño (Pontevedra) rouboulle un cachiño (pequeno) de protagonismo a Cannes, a cidade da Costa Azul que nesas mesmas datas celebra o seu veterano e glamouroso festival de cine. Os días 25, 26 e 27 Cans volveu reivindicar a curtametraxe galega, o agroglamour, o star-system do país, a diversión no sentido máis amplo e a maxia de poder gozar do cine no escenario dunha aldea rural ataviada para a ocasión.
O festival segue medrando. Esta terceira edición pechouse cun éxito extraordinario, que superou incluso o dos anos anteriores e volveu sorprender á Asociación Cultural Arela, entidade organizadora. Para este ano ampliáronse ata tres os días de festival, aumentou o orzamento, as actuacións musicais, as salas de proxección (sete en total), as limusinas particulares do festival (os xa famosos “chimpibuses”) e o número de entradas á venda. En contrapartida, incrementouse de forma notable o público asistente, que o xoves abarrotou o salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, o venres encheu o torreiro de Cans e o sábado ocupou por centos os camiños da aldea ata deixar pequeno o torreiro da festa, centro neurálxico do festival. Todo aumenta en Cans, tanto é así que ata subiu a temperatura. Festival de Cans é sinónimo de xornada calurosa, e este ano superouse calquera previsión: un sol implacable recibiu ás arredor de 3.000 persoas que a organización calcula que acudiron a Cans, unha aldea que conta só cuns 400 veciños.
Xoves: comezamos estreando unha longa
A cita do xoves foi no Círculo Recreativo Cultura do Porriño. O motivo, abrir o III Festival de Cans coa preestrea mundial da ópera prima de Judas Diz. Este novo realizador porriñés presentaba a súa primeira longametraxe e a vila estivo á altura das circunstancias. Centos de veciños e cinéfilos agardaron a chegada en chimpibús do director e o equipo artístico e técnico da película. Alí estiveron os actores e actrices protagonistas, que compoñen os rostros da nova fornada interpretativa galega: Sonia Méndez, Santi Romai, Emma Silva, Pepa Yáñez, Nacho Castaño, Suso Cortegoso, Comba Campoy e Antela Cid. Tamén estiveron presentes rostros tan coñecidos como Miguel de Lira, Ernesto Chao, Uxía Senlle e Rosa Álvarez.
Judas Diz debuxa o retrato claustrofóbico dun grupo de mozos galegos nunha película que supón un golpe de frescura e independencia, realizada sen apoios institucionais. O público ovacionouno antes de saír en dirección a La Chimenea onde se celebrou a festa de apertura do festival. Alí estivo o músico, escritor e artista polifacético Víctor Coyote, que interpretou varios temas para presentar en Galicia o seu libro de relatos sobre os músicos dos oitenta “Cruce de perras”.
Venres: Un can de pedra con pedigree para Mabel Rivera
O festival trasladouse o venres ao torreiro de Cans. Pasaban pouco das dez da noite cando chegaban en chimpibús os membros do xurado: Manolo Romón (actor e escritor), Marta Larralde (actriz e realizadora), María Vázquez (actriz), Isabel Blanco (actriz), Xosé Hermida (xornalista), Tamar Novas (actor) e Jorge Coira (director). Tamén chegou en chimpibús a actriz Mabel Rivera, que recibiu do man do alcalde do Porriño, Raúl Francés, o premio de honra “Pedigree'06” que outorga o Festival de Cans a unha traxectoria destacada dentro do audiovisual galego. O festival tamén fixo dous recoñecementos moi especiais, en forma de chim-pín de prata. Un deles foi para o actor Antonio Durán “Morris”, polo seu labor de embaixador do festival. O outro foi para un veciño de Cans, Pepe Puime, conductor dun dos chimpibuses e un dos rostros máis coñecidos do certame. Este ano ata protagonizou unha das chapas do merchandising do festival.
Antes da entrega dos premios, proxectárase “Agroglamour”, un documental de Carlos Contreras e Ramsés Álvarez que bota unha ollada curiosa sobre a pasada edición do festival. Tamén se pasaron os adiantos de dous documentais galegos próximos a estrenarse: “Selección galega” e “Periféricos”. A noite pechouna a música: primeiro “Os Tristes Tigres”, que sorprenderon cos seus temas tocados con serrrucho, e logo co arxentino Andy Chango, nun concerto no que cautivou ao público coa súa sinceridade no escenario, melodías pegadizas e letras inxeniosas. Nalgúns temas colaborou Iván Ferreiro, ex-líder do grupo vigués Los Piratas, que interpretou a dúo con Chango, “A Cannes”, canción de Carlos Berlanga moi apropiada para o festival.
Sábado: festa sen pausa
A tarde do sábado Cans foi un fervedoiro de xente: centos de persoas movéndose polos camiños na procura da súa sala e espantando o calor con abanicos improvisados. A festa arrancou co desfile de chimpibuses, xa habitual no festival. Sete agro-limusinas atestadas de xentes do cine e veciños da aldea que se desprazaron do baixo no que se serviu o xantar oficial ata o torreiro de Cans. Alí ían os membros do xurado, a premiada de honra, os músicos da xornada anterior, outros rostros famosos do audiovisual e da música de Galicia (como Celso Bugallo, Roberto Vilar, Víctor Fábregas, Mariana Carballeira, Toñito de Poi, etcétera), xornalistas, directores de curtas... Todos eles acompañados polo ritmo dos Festicultores e os exercicios malabares de chimpín a chimpín de Pista Catro. Como gran sorpresa deste ano, tamén estivo en Cans a actriz Emma Suárez, unha das intérpretes máis coñecidas do cine español.
Reunido todo o público no torreiro, comezou a dispersión en chimpibús polas diferentes salas, espalladas por Cans. Unha vez máis tratábase de cobertizos, galpóns, baixos e adegas transformados para a ocasión en excelentes salas de cine. Alí puidéronse ver as curtas a concurso, doce de ficción e seis de animación, ademais das dez que participaron na sección “Jalpón Friki”, escenario para as maiores extravagancias e irreverencias filmadas en Galicia nos últimos anos. Logo dos dous primeiros pases, o público volveuse concentrar no torreiro para bailar freneticamente ao son dos Festicultores, a charanga máis balcánica do país, que fixo suar de pracer aos asistentes. Reanudáronse as proxeccións co terceiro e cuarto pase, que rematou pasadas as dez e media da noite.
Alí se pechou a primeira parte dunha xornada da que puideron gozar todos: os veciños de Cans (a señora Alicia bailando no seu balcón con “Tucho” dos Tonechos); os nenos da parroquia (que coleccionaron autógrafos de famosos nas súas camisetas laranxas, prenda oficial do festival); os cinéfilos que gozaron de catro horas cunha selección das mellores curtas galegas actuais; os visitantes que se achegaron para coñecer o festival dende Madrid, Barcelona, Asturias e Portugal entre outros lugares; os medios de comunicación chegados de toda España que se fartaron de tomar imaxes pintorescas para televisión e prensa; a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta, Ánxela Bugallo, que acudiu a Cans para coñecer de preto o fenómeno deste festival; e un longo etcétera.
Os premios e os premiados
Pasadas as once da noite entregáronse os galardóns desta terceira edición. A decisión do público outorgou o premio á mellor curta de animación a “O señor dos mosquis (O retorno da lei)”, de David Rubín. Fixo entrega do premio María López, da Asociación Cultural Arela. O premio do público á mellor curta de ficción obtívoo “Quérote mal”, de Mireia Giró. Víctor Fábregas foi o encargado de entregarllo ao actor Monti Castiñeiras. O premio do xurado ao mellor actor recibiuno Ricardo de Barreiro polo seu papel en “Bos días”, de Dani de la Torre. Entregoullo o alcalde do Porriño, Raúl Francés. O de mellor actriz foi compartido ex-aequo por Isabel Rey, protagonista de “Nais”, e Isabel Naveira, por “Quérote mal”, que os recibiron da man dos membros do xurado.
O xurado escolleu como mellor curta de animación “Os dous lados da valla” de Diego Méndez, da que destacou o seu tratamento novidoso dun tema social e a inauguración dun novo xénero: o documental de plastilina. O premio entregouno Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural. Finalmente, recibiu o galardón á mellor curta de ficción “Nais” de Mario Iglesias, do que o xurado destacou a súa falta de retórica e a súa capacidade para emocionar. Este director xa recibira o ano pasado o premio do festival por “Intensidade”. Nesta ocasión entregoullo o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.
A festa rematou cun estupendo concerto de Josele Santiago, ex-líder de Los Enemigos, que actuou con Pablo Novoa, músico vigués de longa traxectoria. Ás dúas da madrugada Cans apagou as luces ata unha nova edición, a cuarta, para a que xa só faltan doce meses.
28.5.06
Alá foi!
Alá foi a terceira edición do Festival de Cans. Xoves, venres e sábado, con moita animación, cine, diversión e loucura, todo mesturado no torreiro de Cans e espallado polos camiños, cubertos e bares da parroquia.
O xoves estreamos a primeira peli longa de Judas Diz, e o Círculo Recreativo encheuse de xente que quería vivir unha auténtica noite de premiére.
O venres á noite despegamos en Cans co terreiro cheo. O documental AgroGlamour repasou a segunda edición e serviu unha vez máis para que os veciños e veciñas se visen retratados e orgullosos. Tamén nós os de Arela, e creo que en xeral o público que alí estaba. Logo dun par de adiantos audiovisuais e a entrega do premio de honra a Mabel Rivera chegou o concerto de Andy Chango, que se foi metendo pouco a pouco á xente no peto, ou máis ben diría no trombón de Norman.
O sábado foi apoteósico. Nunca tal se vira en Cans. Dende o principio, co desfile de famosos en chimpibús, ata o final, co último tema de Josele, centos de persoas gozaron a tope co festival. Vimos a Emma Suárez paseando en chimpín co seu bebé. A Víctor Fábregas, o pequeno dos Tonechos, sacando a bailar a Alicia no seu balcón, alentada polos aplausos de todos os presentes. Vimos as billas do bar correr seguido ata baleirar 45 barrís de cervexa. As teles facendo reportaxes aquí e alá, os fotógrafos retratando cada detalle, con especial querencia para os chimpíns e as súas circunstancias. Vimos aos Festicultores sacando a bailar a mil persoas ao ritmo da cabra macabra, aos malabaristas facendo voar as mazas de chimpín a chimpín. Vimos a actores, actrices, directores, xornalistas, vimos á conselleira de Cultura, vimos nenos xogando ao brilé coas súas camisetas cheas de autógrafos. Vimos camisetas laranxas, chimpibuses floridos, lámparas feitas con vasos vermellos, alfombras extendidas polos camiños.
E vimos moitas curtas: 28 en total. Mario Iglesias volveu subir recoller o premio á mellor curta de ficción, nesta ocasión por "Nais". Diego Méndez logrou o da mellor curta de animación por "Os 2 lados da valla". O público decantouse por "Quérote mal" en ficción e "O señor dos mosquis" en animación. O de mellor actor levouno Ricardo de Barreiro polo seu papel en "Bos días" e o de mellor actriz compartírono Isabel Rey e Isabel Naveira por "Nais" e "Quérote mal".
Parece que a xente que acudiu o pasou moi ben. Non sei cantos pasarían polo festival. O sábado, seguramente máis de 1.000, os tres días, calculamos que máis de 2.000 persoas. Para nós foi un traballo duro, máis duro que ningún outro ano, seguro! Pero satisfactorio, claro. O sábado, arredor de 80 persoas estaban alí traballando para que todo saíse ben. Pero neste lugar apetéceme dar un pequeno e discreto aplauso ás persoas que acumularon o traballo nos meses anteriores, e sobre todo nas últimas semanas frenéticas: Corinne, David C., David R., Fani, Fátima, Iago, Isaac, Keka, María L., María P., Maxi, Moi, Pablo, Pato, Rober, Santi, Sesi, Yoli... Hai moitos máis, e nalgúns casos pode que traballaran tanto ou máis que os que aquí figuran, pero vala esta lista como testemuño das reunións dos últimos meses no noso local.
O ano que vén, máis. Ídevos preparando!
17.5.06
Os cubertos limpos, os buracos tapados
Xa están (case) listos. Os cubertos/cobertizos/jalpóns/baixos/placas están case a punto para acoller o Festival de Cans.
Hoxe aproveitamos a mañá festiva para darlles un repasiño e quedaron preparados: buracos tapados (escuridade total!) e cachibaches arrumbados. Claro que os donos/as xa fixeran moito traballo previo, e así quedaron de brillantes. Non hai máis que ver a foto que tedes aí arriba do jalpón friki. A pena é que nos quedaron algúns buraquiños polos que entra algo de luz, pero de aquí a unha semana témolo solucionado.
Así que só falta colocar os bancos, pantallas e proxector e xa temos as salas de cine listas. Este venres vendemos as entradas: ás 21 horas no Fortes e no Liceum. E para a fin de semana que vén, a pasalo ben.
11.5.06
Os espantallos tamén queren vir a Cans
Vaia! Levamos máis de un mes sen escribir unha palabra aquí, xusto no momento de maior actividade desta asociación. Será por iso entón... Festival de Cans por aquí, Festival de Cans por alá e tiñamos medio esquecida este blog.
Así que hoxe volvemos para dicir o evidente: o Festival de Cans, puro orgullo palleiro, xa está aí. As curtas están seleccionadas, os cubertos "case" libres de estrume, herba e demais complementos, as actuacións contratadas, o programa confirmado, os chimpibuses pasaron a ITV e xa reclutamos unha tropa suficiente para levar o tinglado.
Sobre o que se pode ver e facer en Cans, a información está na web www.festivaldecans.com. Polo demais, só dicir que o venres 19 ás 21:00 horas poranse á venda as entradas do festival. Recalcamos o da hora, porque o ano pasado tardaron 10 minutos escasos en agotarse, así que se estás interesado en ver as curtas a concurso, é MOI IMPORTANTE que te apures para conseguir as entradas. Vendemos ata 3 por persoa, ao prezo de 5 euros a peza. Os puntos de venda serán, outra vez, o Bar Liceum e o Bar Fortes.
E se queredes lucir Festival de Cans polo mundo adiante, xa están á venda as camisetas e as chapas. As camisetas están de moda entre os espantallos da comarca, así que é mellor que corras se non queres quedarte sen elas. Temos tallas de muller, home, cativo/a, e (por suposto) espantallo. Vendémolas no Liceum, no Bar Fortes e no Bar Moncho (ambos de Cans), e no propio festival. Pronto vos amosaremos aquí os deseños das chapas, chulirrrrmos tamén.
Un abrazo, vémonos en Cans.
6.4.06
Máis días, máis público, máis salas, máis chimpibuses
Faltan só 49 días para que o 25 de maio se erga o pano e o Festival de Cans salte a escena por terceira vez. Este ano vén crecido. Para empezar medrou en duración: Se no 1º ano houbo 1 día de festival e no 2º houbo 2, para este 3º temos... pois si, 3 días.
O festival quere facer sitio a máis xente. As nosas salas son como son, e non imos botar abaixo tabiques nin desaloxar gando para poñer butacas, así que non nos queda máis remedio que aumentar o número de salas. Así que teremos dúas novas, tan xeitosas como as dos anos anteriores, e ademais algo máis grandes. Deste xeito duplicaremos o aforo e poremos á venda 480 entradas.
E para mover a tanta xente, xa estamos traballando en reforzar a flota de chimpibuses. Estade tranquilos, ninguén quedará en terra.
Estamos a piques de pechar toda a programación, a persoa galardonada co Premio de Honra, os membros do xurado, as actuacións musicais, as actividades paralelas... pronto o anunciaremos.
Ah! Algunha información máis neste xornal.
E para os que non coñezades Cans, a zeca do zine, aquí vos vai unha postal: este é o famoso pianista, a figura natural en pedra de Beethoven que se pode ver no Monte Castelo.
17.3.06
100% Algodón: Arela propón un concurso de deseño de camisetas
A Asociación Cultural ARELA do Porriño, acaba de lanzar un novo proxecto: chámase “100% ALGODÓN, 1º Concurso Galego de Deseño de Camisetas”.
A camiseta de algodón, prenda case universal, é hoxendía un dos mellores escaparates da creatividade popular. (Case) todo colle nela. Estampada, bordada, recortada, pintada, reciclada... as posibilidades son múltiples para estes lenzos que nos visten e que se moven dun lugar a outro, á vista dos de aquí e dos de alá.
Na camiseta ten cabida o humor, a expresión artística, reivindicacións varias, o estilo propio... Todo colle na camiseta e cada día hai máis persoas en Galicia reinventándoa con novas propostas, unha creatividade en expansión que queremos radiografiar.
É para recoñecer este subxénero da cultura popular e do deseño que nace o concurso “100% ALGODÓN”, dotado cun único premio de 600 euros. Prémiase o mellor deseño sobre camiseta, con total liberdade de técnica, material e tema. Se inclúe textos, deben ser en galego.
Todas as persoas que queiran participar poden presentar ata un máximo de dúas camisetas, que enviarán ao apartado de correos 232 do Porriño ou entregarán no Centro Cultural Municipal desta localidade. O prazo de entrega remata o 31 de maio.
Podes consultar as bases completas neste blog: cenporcen.blogspot.com.
Se tes algunha dúbida ou queres máis información, ponte en contacto connosco no correo e Arela (arelacultura@yahoo.es) ou neste outro: cenporcenalgodon@yahoo.es.