17.3.06

 

100% Algodón: Arela propón un concurso de deseño de camisetas


A Asociación Cultural ARELA do Porriño, acaba de lanzar un novo proxecto: chámase “100% ALGODÓN, 1º Concurso Galego de Deseño de Camisetas”.


A camiseta de algodón, prenda case universal, é hoxendía un dos mellores escaparates da creatividade popular. (Case) todo colle nela. Estampada, bordada, recortada, pintada, reciclada... as posibilidades son múltiples para estes lenzos que nos visten e que se moven dun lugar a outro, á vista dos de aquí e dos de alá.

Na camiseta ten cabida o humor, a expresión artística, reivindicacións varias, o estilo propio... Todo colle na camiseta e cada día hai máis persoas en Galicia reinventándoa con novas propostas, unha creatividade en expansión que queremos radiografiar.

É para recoñecer este subxénero da cultura popular e do deseño que nace o concurso “100% ALGODÓN”, dotado cun único premio de 600 euros. Prémiase o mellor deseño sobre camiseta, con total liberdade de técnica, material e tema. Se inclúe textos, deben ser en galego.

Todas as persoas que queiran participar poden presentar ata un máximo de dúas camisetas, que enviarán ao apartado de correos 232 do Porriño ou entregarán no Centro Cultural Municipal desta localidade. O prazo de entrega remata o 31 de maio.

Podes consultar as bases completas neste blog: cenporcen.blogspot.com.


Se tes algunha dúbida ou queres máis información, ponte en contacto connosco no correo e Arela (arelacultura@yahoo.es) ou neste outro: cenporcenalgodon@yahoo.es.

15.3.06

 

Cambio de datas no Festival de Cans

Atención! O Festival de Cans cambia de datas. Finalmente será os días 25, 26, e 27 de maio, de xoves a sábado. Así que marcade eses días no calendario, Cans espéravos.

Dentro de pouco teremos o primeiro avance da programación deste ano. De novo curtametraxes, música, chimpibuses... moito espectáculo e algunha que outra novidade da que daremos conta proximamente.

9.3.06

 

En marcha co Festival de Cans

A organización do festival está xa metida de cheo na organización da terceira edición. Xa fixemos acopio de alfombras, estamos dándolle as últimas pinceladas ao deseño de camisetas e cartelería e temos case pechado o programa. Máis cedo que tarde darémolo a coñecer...
Pechado xa o prazo para o envío de curtas, introducímonos de cheo no proceso de seleccionalas. Logo de ver a maior parte das recibidas e daquelas das que nos fumos informando ao longo dos últimos meses, podemos dicir que este ano imos ter unha colleita de calidade, tanto en ficción como en animación.
Os chimpibuses xa quentan motores...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?