31.1.06

 

Dous anos e medio arelando cousas



Aquí vai un breve resume das actividades realizadas por Arela nos seus dous anos e medio de existencia.

Festa de San Xoán. Xuño de 2003. A primeira actividade da Arela, chantar unha fogueira no centro do Porriño para chimpala e pasalo ben ao seu redor.

Concerto de Sex Museum. Setembro de 2003. Un pouco de rock para animar as Festas do Cristo. Moita xente nova e non tan nova, meneándose ao son dos guitarrazos.

1ª Faroolimpiada. Setembro de 2003. O Faro de Budiño foi o escenario. O obxectivo, pasalo ben cun bo xantar e cunha xinkana por equipos no medio do monte. A cousa funcionou, pero a chuvia chafounos a festa. O concerto de Río Bravo co que rematamos o día tivemos que trasladalo a un recinto cuberto.

1º Festival de Cans. Maio de 2004. Ese ano puxemos en marcha o Festival de Cans, o máis famoso dos nosos proxectos, e tamén o que máis traballo nos dá. Levamos as curtametraxes a Cans e proxectámolas en baixos e alpendres, movemos ás xentes dun a outro lado en chimpibuses e xuntamos nun día de cine e festa a veciños, cinéfilos e famosos. A cousa gustou e gustounos, así que repetimos... e xa estamos preparando a terceira.

Concerto de Río Bravo. Agosto de 2004. Para empaparse en suor en pleno agosto, nada mellor que un concerto destes rockeiros alemáns. Sobre o escenario do Liceum, os alemáns machacaron un montón de clásicos do garaxe, e o público entregouse ao frenesí.

2ª Faroolimpiada. Outubro de 2004. Volvimos levar empanadas ao Monte Faro de Budiño e percorrémolo dun lado a outro con probas insólitas. Unha festa moi divertida acompañada pola música de The Turre’s Band. Por agora, a última das faroolimpiadas.

2º Festival de Cans. Maio de 2005. A segunda edición deu para moito. Ampliamos o festival a dous días, aumentamos o orzamento, aumentamos o traballo, trouxemos a máis famosos e agotamos as entradas en dez minutos. Organizamos actividades paralelas e démoslle máis sitio á música. Os que estiveron pasárono ben (cremos), e os que non viñeron... puideron enterarse nos telexornais (o de TVE1, o de Telecinco, TVG, La Hora Wiki...). Abraiados pola repercusión, pero confiados en volver sorprender na edición de 2006.

Danzarela, Festival de Danzas na Rúa. Outubro de 2005. Arela procura ofrecer cousas das que andemos escasos no Porriño. Así que nos propuxemos dar un espazo á danza para achegala a todos os públicos. Na primeira edición xuntamos no parque do Cristo tres estilos ben diferentes: capoeira, break-dance e danza contemporánea. O día estivo ruín, pero xuntamos un público bastante numeroso sorprendido pola calidade das propostas. O ano que vén, máis.

Ademais, Arela participou como colaboradora en eventos organizados polo Concello, como o Festival Intercontracultura de Hip-Hop e a Festa dos Callos.


This page is powered by Blogger. Isn't yours?