3.6.06

 

A crónica da terceira edición



Chega un pouco tarde, pero aí vai a crónica do III Festival de Cans:


Sube a temperatura na terceira edición do Festival de Cans

Na última fin de semana de maio transcorreu a terceira edición do Festival de Cans de curtametraxes. Durante tres días, a pequena aldea de Cans, no Porriño (Pontevedra) rouboulle un cachiño (pequeno) de protagonismo a Cannes, a cidade da Costa Azul que nesas mesmas datas celebra o seu veterano e glamouroso festival de cine. Os días 25, 26 e 27 Cans volveu reivindicar a curtametraxe galega, o agroglamour, o star-system do país, a diversión no sentido máis amplo e a maxia de poder gozar do cine no escenario dunha aldea rural ataviada para a ocasión.

O festival segue medrando. Esta terceira edición pechouse cun éxito extraordinario, que superou incluso o dos anos anteriores e volveu sorprender á Asociación Cultural Arela, entidade organizadora. Para este ano ampliáronse ata tres os días de festival, aumentou o orzamento, as actuacións musicais, as salas de proxección (sete en total), as limusinas particulares do festival (os xa famosos “chimpibuses”) e o número de entradas á venda. En contrapartida, incrementouse de forma notable o público asistente, que o xoves abarrotou o salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, o venres encheu o torreiro de Cans e o sábado ocupou por centos os camiños da aldea ata deixar pequeno o torreiro da festa, centro neurálxico do festival. Todo aumenta en Cans, tanto é así que ata subiu a temperatura. Festival de Cans é sinónimo de xornada calurosa, e este ano superouse calquera previsión: un sol implacable recibiu ás arredor de 3.000 persoas que a organización calcula que acudiron a Cans, unha aldea que conta só cuns 400 veciños.

Xoves: comezamos estreando unha longa
A cita do xoves foi no Círculo Recreativo Cultura do Porriño. O motivo, abrir o III Festival de Cans coa preestrea mundial da ópera prima de Judas Diz. Este novo realizador porriñés presentaba a súa primeira longametraxe e a vila estivo á altura das circunstancias. Centos de veciños e cinéfilos agardaron a chegada en chimpibús do director e o equipo artístico e técnico da película. Alí estiveron os actores e actrices protagonistas, que compoñen os rostros da nova fornada interpretativa galega: Sonia Méndez, Santi Romai, Emma Silva, Pepa Yáñez, Nacho Castaño, Suso Cortegoso, Comba Campoy e Antela Cid. Tamén estiveron presentes rostros tan coñecidos como Miguel de Lira, Ernesto Chao, Uxía Senlle e Rosa Álvarez.

Judas Diz debuxa o retrato claustrofóbico dun grupo de mozos galegos nunha película que supón un golpe de frescura e independencia, realizada sen apoios institucionais. O público ovacionouno antes de saír en dirección a La Chimenea onde se celebrou a festa de apertura do festival. Alí estivo o músico, escritor e artista polifacético Víctor Coyote, que interpretou varios temas para presentar en Galicia o seu libro de relatos sobre os músicos dos oitenta “Cruce de perras”.

Venres: Un can de pedra con pedigree para Mabel Rivera
O festival trasladouse o venres ao torreiro de Cans. Pasaban pouco das dez da noite cando chegaban en chimpibús os membros do xurado: Manolo Romón (actor e escritor), Marta Larralde (actriz e realizadora), María Vázquez (actriz), Isabel Blanco (actriz), Xosé Hermida (xornalista), Tamar Novas (actor) e Jorge Coira (director). Tamén chegou en chimpibús a actriz Mabel Rivera, que recibiu do man do alcalde do Porriño, Raúl Francés, o premio de honra “Pedigree'06” que outorga o Festival de Cans a unha traxectoria destacada dentro do audiovisual galego. O festival tamén fixo dous recoñecementos moi especiais, en forma de chim-pín de prata. Un deles foi para o actor Antonio Durán “Morris”, polo seu labor de embaixador do festival. O outro foi para un veciño de Cans, Pepe Puime, conductor dun dos chimpibuses e un dos rostros máis coñecidos do certame. Este ano ata protagonizou unha das chapas do merchandising do festival.

Antes da entrega dos premios, proxectárase “Agroglamour”, un documental de Carlos Contreras e Ramsés Álvarez que bota unha ollada curiosa sobre a pasada edición do festival. Tamén se pasaron os adiantos de dous documentais galegos próximos a estrenarse: “Selección galega” e “Periféricos”. A noite pechouna a música: primeiro “Os Tristes Tigres”, que sorprenderon cos seus temas tocados con serrrucho, e logo co arxentino Andy Chango, nun concerto no que cautivou ao público coa súa sinceridade no escenario, melodías pegadizas e letras inxeniosas. Nalgúns temas colaborou Iván Ferreiro, ex-líder do grupo vigués Los Piratas, que interpretou a dúo con Chango, “A Cannes”, canción de Carlos Berlanga moi apropiada para o festival.

Sábado: festa sen pausa
A tarde do sábado Cans foi un fervedoiro de xente: centos de persoas movéndose polos camiños na procura da súa sala e espantando o calor con abanicos improvisados. A festa arrancou co desfile de chimpibuses, xa habitual no festival. Sete agro-limusinas atestadas de xentes do cine e veciños da aldea que se desprazaron do baixo no que se serviu o xantar oficial ata o torreiro de Cans. Alí ían os membros do xurado, a premiada de honra, os músicos da xornada anterior, outros rostros famosos do audiovisual e da música de Galicia (como Celso Bugallo, Roberto Vilar, Víctor Fábregas, Mariana Carballeira, Toñito de Poi, etcétera), xornalistas, directores de curtas... Todos eles acompañados polo ritmo dos Festicultores e os exercicios malabares de chimpín a chimpín de Pista Catro. Como gran sorpresa deste ano, tamén estivo en Cans a actriz Emma Suárez, unha das intérpretes máis coñecidas do cine español.

Reunido todo o público no torreiro, comezou a dispersión en chimpibús polas diferentes salas, espalladas por Cans. Unha vez máis tratábase de cobertizos, galpóns, baixos e adegas transformados para a ocasión en excelentes salas de cine. Alí puidéronse ver as curtas a concurso, doce de ficción e seis de animación, ademais das dez que participaron na sección “Jalpón Friki”, escenario para as maiores extravagancias e irreverencias filmadas en Galicia nos últimos anos. Logo dos dous primeiros pases, o público volveuse concentrar no torreiro para bailar freneticamente ao son dos Festicultores, a charanga máis balcánica do país, que fixo suar de pracer aos asistentes. Reanudáronse as proxeccións co terceiro e cuarto pase, que rematou pasadas as dez e media da noite.

Alí se pechou a primeira parte dunha xornada da que puideron gozar todos: os veciños de Cans (a señora Alicia bailando no seu balcón con “Tucho” dos Tonechos); os nenos da parroquia (que coleccionaron autógrafos de famosos nas súas camisetas laranxas, prenda oficial do festival); os cinéfilos que gozaron de catro horas cunha selección das mellores curtas galegas actuais; os visitantes que se achegaron para coñecer o festival dende Madrid, Barcelona, Asturias e Portugal entre outros lugares; os medios de comunicación chegados de toda España que se fartaron de tomar imaxes pintorescas para televisión e prensa; a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta, Ánxela Bugallo, que acudiu a Cans para coñecer de preto o fenómeno deste festival; e un longo etcétera.

Os premios e os premiados
Pasadas as once da noite entregáronse os galardóns desta terceira edición. A decisión do público outorgou o premio á mellor curta de animación a “O señor dos mosquis (O retorno da lei)”, de David Rubín. Fixo entrega do premio María López, da Asociación Cultural Arela. O premio do público á mellor curta de ficción obtívoo “Quérote mal”, de Mireia Giró. Víctor Fábregas foi o encargado de entregarllo ao actor Monti Castiñeiras. O premio do xurado ao mellor actor recibiuno Ricardo de Barreiro polo seu papel en “Bos días”, de Dani de la Torre. Entregoullo o alcalde do Porriño, Raúl Francés. O de mellor actriz foi compartido ex-aequo por Isabel Rey, protagonista de “Nais”, e Isabel Naveira, por “Quérote mal”, que os recibiron da man dos membros do xurado.

O xurado escolleu como mellor curta de animación “Os dous lados da valla” de Diego Méndez, da que destacou o seu tratamento novidoso dun tema social e a inauguración dun novo xénero: o documental de plastilina. O premio entregouno Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural. Finalmente, recibiu o galardón á mellor curta de ficción “Nais” de Mario Iglesias, do que o xurado destacou a súa falta de retórica e a súa capacidade para emocionar. Este director xa recibira o ano pasado o premio do festival por “Intensidade”. Nesta ocasión entregoullo o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

A festa rematou cun estupendo concerto de Josele Santiago, ex-líder de Los Enemigos, que actuou con Pablo Novoa, músico vigués de longa traxectoria. Ás dúas da madrugada Cans apagou as luces ata unha nova edición, a cuarta, para a que xa só faltan doce meses.


This page is powered by Blogger. Isn't yours?